Se chegaches ata aquí é porque es unha persoa, coma nós, interesada no eido adoptivo.
En MANAIA, despois de case unha década de bagaxe, sentimos a necesidade de organizar este I Congreso Galego de Adopción. Ademais das inquedanzas e intereses particulares de cada unha das familias da asociación, a gran motivación vén dada polos profundos cambios que se están a producir no mapa adoptivo. Cambios que afectan aos aspectos lexislativos, dentro e fóra do noso país, ás características das nenas e nenos adoptables, e á evolución do concepto de adopción. Todo isto está a xerar importantes transformacións nos procesos e nos tempos adoptivos.
O obxectivo xeral do congreso é facer visibles estes cambios, achegando aos profesionais, estudantes e familias adoptantes galegas a realidade adoptiva de Galicia, provocando a reflexión e tentando ofrecer alternativas reais ao iniciar novos procesos adoptivos.
En Manaia entendemos que actividades coma este Congreso son ferramentas imprescindibles para a formación de técnicos das administracións, profesionais, estudantes e familias.
O deseño do congreso, cun formato dinámico e unha temática diversa, está pensado, non para ofrecer solucións concretas senón para xerar reflexión.
Grazas a todas e cada unha das persoas que o facedes posible.